Teleclases nos tempos do Coronavirus

Durante a primeira semana do confinamento estiven a investigar o mellor xeito de poder manter unha canle de comunicación por vídeo co meu alumnado. Neste artigo intentarei resumir as conclusións ás que cheguei despois desta pequena investigación.

Antes de nada sinalar que estas son conclusións persoais e que dependen fundamentalmente dos dispositivos que dispoño na casa e dos coñecementos que teño adquiridos.

Vou clasificar as posibilidades en dúas categorías: os servizos de videoconferencia e os servizos de emisión de vídeo en directo. A diferencia fundamental é que nos primeiros a comunicación é bidireccional mentres que na segunda non. Este detalle ten as súas vantaxes e inconvenientes, como veremos a continuación.

Servizos de videoconferencia

Estamos falando de servizos tales como Google Meet, Jitsi, Skype, Zoom ou Cisco Webex (facilitado pola Consellería). As posibilidades que ofrecen estas plataformas son bastante similares entre si permitindo iniciar unha videoconferencia co alumando, isto é que o alumnado nos vexa e oia e nós tamén vexamos e oiamos ó alumando. Ademais tamén permiten compartir a pantalla do dispositivo, silenciar ó alumnado, etc.

A principal vantaxe é que neste caso a comunicación é bidireccional e polo tanto obtemos feedback do alumnado de forma instantánea.

Por outro lado o principal desvantaxe (na miña opinión) é que iso fai que a comunicación sexa máis pesada. Estamos falando de que ós dispositivos do alumnado “chega” a imaxe do ordenador do profesor e o audio dos seus vinte e pico compañeiros. Por outro lado está o sempre espiñento problema da Protección de Datos, que ocorre se algún alumno decide gravar unha parte da intervención dun compañeiro e publicalo nalgures?

Se escollemos esta vía para comunicarnos co nosos alumando penso que a opción máis idónea sería usar o propio servizo da Xunta (Cisco Webex). Por unha parte porque ó estar empregando un servizo da Xunta nos liberamos de aquelas responsabilidades derivadas da protección de datos e por outro porque non ten limitacións que nos poidan afectar (tempo, número de participantes) e é realmente unha ferramenta bastante potente polo que puiden observar.

O seguinte vídeo, elaborado pola Xunta, amósanos algunhas das características e posibilidades de uso de Cisco Webex.

No caso de que a aplicación que facilita a Xunta non estea dispoñible, a miña recomendación é usar Jitsi. Por que Jitsi en vez das outras opcións? Por unha parte a razón é que Jitsi nos proporciona moitas das funcionalidades de Cisco Webex sen necesidade de rexistro e sen ningún tipo de restrición de tempo nin de número de participantes. A outra razón é que Jitsi é un software de código aberto e desenvolvido por unha ampla comunidade. O servizo que nós usamos proporciona unha comunicación cifrada punto a punto, non é necesaria autenticación (polo que non estamos regalando os nosos datos a ningunha empresa) e, a diferencia doutras plataformas, polo de agora non se lle descubriron fallos de seguridade e privacidade graves como pode ser no caso de Zoom ou Houseparty.

Algunhas recomendacións de uso sobre usar estes servizos:

  • O alumnado debe ter as cámaras apagadas e o micro sempre apagado excepto cando precise intervir. Así evitaremos que o audio se “acople” e soe peor, menos problemas de protección de datos, o “peso” da conexión será menor, etc. Podemos nós incluso preocuparnos de silenciar ó alumnado que non o fixera antes pois na maior parte de programas o administrador da sala ten esa posibilidade.
  • Gravar as sesións. Moitos dos servizos permiten a opción de gravar as sesións para podelas ver despois. Isto permite que o alumnado poida volver a ver a clase e que aqueles que por algún motivo non puideran asistir vexan as explicacións.

Servizos de emisión de vídeo en directo

Estamos falando de servizos como YouTube, Facebook Live, Instagram Live, Twitch etc. A única que probei e que penso sería de fácil acceso para todo o alumnado sería YouTube.

Como vantaxes podemos mencionar que YouTube é que é unha plataforma globalmente estendida e de sobra coñecida polo alumnado de forma que a maior parte deles están acostumados a empregala para o seu ocio. Ao ser un servizo amplamente usado por todo o mundo a capacidade dos seus servidores non vai ser un problema e o “peso” da conexión vai ser menor xa que o alumnado so recibe información de parte do profesor. O feito de que a comunicación sexa só neste sentido, debería evitarnos problemas derivados da protección de datos do alumnado. Ademais ten como vantaxe que unha vez rematado o “directo”, o vídeo da clase queda automaticamente subido a YouTube e é accesible para todos aqueles alumnos e alumnas que non puideran asistir a clase.

A principal desvantaxe é que non temos feedback directo do alumnado así que temos que habilitar unha segunda vía para telo e a isto hai que unirlle que hai un retardo apreciable entre que nós emitimos e o alumno ou alumna recibe.

Os seguintes vídeos explican como crear unha conta de Google, crear e configurar unha conta de YouTube e como programar unha emisión:

Unha vez programada a emisión de YouTube, debemos escoller un programa dende o que emitir. YouTube suxírenos uns cantos nesta páxina web tanto para Windows como para macOS, GNU/Linux ou incluso algún para tablets Android.

Eu en concreto estou usando OBS Studio xa que é compatible co meu GNU/Linux e é unha ferramenta que xa usei no pasado para gravar algún vídeo. OBS Studio non é unha aplicación pensada exclusivamente para o ámbito educativo. Con todo, é unha ferramenta moi potente e moi usada que permite tanto a gravación como a emisión en directo.

Nos seguintes vídeos podedes ver primeiro como descargar e instalar o programa, despois un pequeno titorial sobre como configurar o programa para emitir en YouTube e por último un pequeno vídeo onde explico que opcións uso eu para dar clases:

O programa ten infinitas posibilidades dependendo dos recursos cos que contedes na casa e como o queirades organizar. Como vistes por encima no vídeo anterior, eu estou usando sobre todo a opción capturar xanela para capturar tanto unha ventá dun navegador onde teño unha presentación como outra ventá onde teño unha especie de encerado dixital.

A ferramenta que uso dentro de OBS Studio como encerado dixital é a miña tablet. Teño a sorte de contar unha tablet cun lapis que me permite escribir nela con bastante precisión de forma que a uso como unha especie de encerado dixital. Para usala conéctoa ao ordenador por USB e uso o programa scrcpy para “facer un espello” da pantalla da tablet no meu ordenador.

No seguinte vídeo podedes ver un videotitorial sobre como empregar esta ferramenta en Windows. Unha vez que temos unha xanela no noso ordenador de escritorio cun “espello” da pantalla da nosa tablet, simplemente temos que capturar esa xanela co OBS Studio.

Por outro lado, neste outro vídeo coméntannos outras opcións para usar de encerado dixital.

Algúns comentarios con respecto a usar a emisión de vídeos en directo para dar as clases:

  • É necesario que establezades unha canle para que o alumnado vos dea feedback sobre as vosas explicacións. Eu estou empregando a función “chat” do Moodle (Aula virtual/Edixgal), o propio chat de YouTube e Whatsapp (teño un número so para o alumando).
  • Podemos editar os vídeos que quedan subidos despois de rematar a emisión engadíndolles unha descrición. Nesa descrición é interesante marcar os momentos do vídeo onde se tratan cousas relevantes (explicacións, resolucións de exercicios, etc.). Para facer iso simplemente poñemos o minuto e o segundo onde ocorreu esa explicación relevante do vídeo separados por dous puntos. Por exemplo, se fixemos unha explicación no minuto 3 segundo 15 engadiríamos “3:15 – Explicación”.

Conclusións

Neste artigo intentei resumir unha morea de cousas relativas a como dar as clases a distancia. As alternativas que uso son como xa comentei YouTube emitindo en directo e Cisco Webex. Mais, non teñen necesariamente que ser as mellores. Foron simplemente as que considerei que se adaptaban mellor as necesidades que tiña cos recursos cos que contaba. Cada quen deberá pensar que opción é a idónea no seu caso.

Sen máis, moitos azos para estas semanas que nos quedan duras tanto como sociedade como como profesionais da educación. Desexarvos a mellor das sortes na vosa labor de docentes a distancia. E por último, mais non por elo menos importante, pedirlle/rogarlle/suplicarlle á Consellería que, mellor cedo que tarde, dite instrucións claras sobre o que facer durante esta última avaliación, que aporte recursos para facelo e que o faga pensando nas familias, no alumnado e tamén (se acaso un pouquiño) no profesorado.

*A imaxe de portada foi sacada por Victoria Borodinova e obtida de Pixbay.

2 comentarios en “Teleclases nos tempos do Coronavirus”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *