A finais de marzo, cando comezou o confinamento, asistín a unha pequena charla de Julio Mulero (@juliomulero) onde explicaba como crear cuestionarios aleatorios de Moodle usando a linguaxe de programación R e o paquete exams. Podedes ver aquí o artigo que publicou no seu blogue co vídeo e a presentación da charla.
Non coñezo R demasiado en profundidade e o que Julio explicaba (centrado en facer preguntas sobre estatística) non se axustaba demasiado o que estaba traballando eu na aula – eu estaba cos temas de álxebra. Porén, pareceume realmente potente a idea de facer un xerador de preguntas aleatorio, así que púxenme mans a obra.
Usando a linguaxe Python tratei de construír unha pequena librería que permitise a xeración de preguntas aleatorias e a súa exportación a Moodle. Intenteino facer o máis xenérico posible para permitir nun futuro engadir outro tipo de preguntas (máis alá da álxebra) e diferentes formas de exportar.
Empregando a librería SymPy conseguín crear xeradores para ecuacións de primeiro grado de varios tipos (sen parénteses, con eles, con fraccións, etc.), para ecuacións de segundo grado (completas e incompletas), para ecuacións bicadradas e para sistemas de ecuacións.
Teño o proxecto algo parado por falta de tempo pero a miña liña de traballo actual é pulir o código e documentalo ben para que sirva de exemplo por se alguén quere mellorar a librería engadindo novos tipos de preguntas.
Non tiña pensado darlle demasiada publicidade ata ter ben montado o repositorio pero, falando nun grupo de Telegram de Educación Matemática saíu o tema e vou publicar os bancos de preguntas que teño creados:
(Con soporte para notación matemática. Por exemplo, o EVA Edixgal da Xunta de Galicia)
(Sen soporte para notación matemática. Por exemplo, as aulas virtuais do proxecto webs dinámicas da Xunta de Galicia)
O ficheiro comprimido contén varios ficheiros XML que serán os que debedes usar para importalas o voso banco de preguntas.
Cando teña ben documentando o código publicarei tamén o repositorio. Pero agardo que as preguntas creadas vos sexan de utilidade.
Fotografía de portada por August de Richelieu de Pexels
a idea é boisima. A pena é que a min me siguen liando na miña andaina sindical. cando a poida aparcar necesito unhas clases para poñerme o dia