Automatizando a subida de traballos escritos en Moodle

A COVID-19 obríganos a tomar medidas adicionais de seguridade en canto a entrega de traballos escritos. Para solventar iso pensei que o ideal sería entregar as correccións de ditos traballos na aula virtual do IES. Desta forma ademais podería darlle o alumnado unha ferramenta para avaliar con máis calma os erros que cometeu durante o exame.

Para levar a cabo investiguei a forma de poder facer isto e como resultado saiu un pequeno script que automatiza parte do proceso.

A forma máis adecuada que hai para subir traballos que entregan o alumnado de forma escrita á aula virtual son os ficheiros de comentario ou de feedback. Segundo o que explicou Pablo J. Triviño (@p_trivino) nun videotitorial que subiu a Mediateca de EducaMadrid, hai unha forma de publicar todos os traballos correxidos e todas as notas ao mesmo tempo. Porén este método é bastante tedioso pois require a creación de unha estrutura de cartafois bastante revirada e que dista moito de ser cómoda.

Ademais a iso úneselle a tarefa de separar o ficheiro PDF que conteña todos os traballos en ficheiros PDF máis pequenos que conteñan o traballo de cada alumno ou alumna.

Para estas dúas tarefas deseñei o script exam-split.sh que se pode atopar en GitHub e que funciona en GNU/Linux.

Que fai?

A idea é que nós ao crear os enunciados dos nosos traballos poñamos na cabeceira un texto que facilmente distinguible e ademais o número da alumna ou alumno. Por exemplo, no seguinte exemplo o texto sería MATESACAD e o número 18.

O script detectará cales son as portadas dos traballos e troceará o PDF en tantos ficheiros como portadas detecte. O contido de cada ficheiro PDF serán as follas entre portada e portada. O nome de cada PDF será o número do alumno ou alumna en cuestión.

Ademais, podemos aportarlle un ficheiro CSV que podemos descargar da aula virtual cos nomes e identificadores do alumnado. Neste caso, o script creará unha estrutura de carpetas que nos permitirá publicar no espazo da aula virtual de cada alumno ou alumna o seu correpondente traballo.

Como instalar?

Para poder usar este script hai que ter instaladas as 3 ferramentas que emprega:

  • Tesseract: Unha ferramenta de recoñecemento OCR.
  • Imagick: Unha suite de edición de imaxes a través da liña de comandos.
  • PDF Stapler: Unha suite de ferramentas de edición de PDF.

Para instalar estas tres ferramentas empregamos o seguinte comando dependendo da distribución de GNU/Linux que uses:

#Debian/Ubuntu
sudo apt install tesseract-ocr imagemagick pdf-stapler

#Fedora/CentOS/RedHat
sudo dnf install tesseract pdf-stapler ImageMagick

Unha vez instalada as dependencias do programa teríamos que descargar o script da súa páxina en GitHub e darlle permisos de execución:

wget https://gist.githubusercontent.com/chavaone/a3eafac77fa0467b936bd1cd1681e51f/raw/4783dba1ee38c86e3e481996e951f5a4f6dfcf9f/exam-split.sh
chmod +x exam-split.sh

Como usar?

Unha vez temos o PDF con todos os traballos corrixidos de forma que na portada aparece un cabeceiro como o do exemplo anterior, chega o momento de usar o script creado.

As opcións que aporta son as seguintes:

./exam-split.sh [OPTIONS] file.pdf

Cadena option is mandatory.

OPTIONS:
	 -s|--string STRING: Text that should identify each exam first page.
	 -c|--csv CSV_FILE: CSV File generated by Moodle which contents student names and ids.
	 -g|--geometry: ImageMagick geometry parameter.
	 -o|--output: Output folder name.
	 --help: Show this message.
	 --debug: Show DEBUG info.

Como se pode ver o mínimo que lle temos que indicar ao script ademais da localización do ficheiro PDF é esa cadea de texto que identifique cada exame. No exemplo anterior esta cadea sería MATESACAD:

./exam-split.sh -s MATESACAD ficheiro.pdf

Ademais diso tamén lle podemos indicar o ficheiro CSV xerado pola aula virtual (é a opción “Descargar folla de cualificacións”). Por exemplo:

./exam-split.sh -s MATESACAD -c cualifiacions.csv ficheiro.pdf

O programa fará unha serie de comprobacións indicándonos na metade da execución cantas portadas detectou, o número de alumnos e alumnas que hai segundo a folla de cualificacións, se non se detectaron identificadores en algunha portada, se hai identificadores repetidos, se os identificadores son moi grandes para o número de estudantes que hai, etc.

Podemos editar as páxinas que son portada e os identificadores asociados a cada portada antes de que realice a separación de PDFs en fragmentos.

Unha vez executado o programa creará unha carpeta onde se almaceran os pdfs ou os directorios co nome e identificador do alumnado.

Para subir os exames á aula virtual deberemos comprimilos nun ZIP e empregar a opción “Enviar múltiples ficheiros de comentarios nun zip”.

Desta forma podemos automatizar o proceso laborioso de subida de ficheiros de comentario á aula virtual. Espero que vos sexa de utilidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *