Este artigo foi publicado orixinalmente no número 79 da Revista Galega de Educación.
Cando os alumnos e alumnas que este curso 2020/2021 comezarán a educación secundaria naceron, Facebook xa tiña máis de 100 millóns de usuarios activos. As redes sociais forman, na actualidade, parte da cultura xeracional do noso alumnado. Emprégana de forma habitual no seu día a día tanto para comunicarse entre si así como para consumir información de todo tipo.
Se analizamos os últimos datos do Instituto Galego de Estatística sobre uso das redes sociais na poboación galega en idade escolar podemos ver que un 43% dos enquisados entre os 4 e os 14 anos e un do 97% entre os 15 e os 35 afirmou que empregara algunha rede nos últimos 3 meses. Se nos centramos no uso de redes sociais de contidos – SnapChat, Facebook, Instagram, Twitter, etc. – vemos que o 64% das persoas entre 4 e 14 anos empregan redes sociais de contidos e entre 15 e 35 xa o fan un 81%.
Con estes datos podemos corroborar que o uso das diferentes redes sociais entre o noso alumnado é xeneralizado. O profesorado non debería ser alleo a esta realidade e debería empregala como unha ferramenta máis para conseguir chegar ao alumnado.
Neste artigo pretendemos analizar o estado do uso da lingua galega nas redes sociais así como amosar algunhas iniciativas e comunidades existentes ou propoñer oportunidades de uso que nos ofrecen.
Situación do galego nas redes
A posibilidade de empregar as nosas aplicacións informáticas en galego é unha loita constante e as redes sociais non son unha excepción. Tanto Facebook como Twitter contan con traducións ao galego feitas pola comunidade a través dun sistema de tradución cooperativa. Pola súa banda YouTube – así como todas os aplicativos de Google – están traducidos ó galego por un equipo profesional. Porén, outras redes sociais como Instagram e Tik Tok, moi empregadas entre a mocidade, non dispoñen de tradución á nosa lingua.
No tocante á publicación de contidos por parte dos usuarios galegos, consultando os datos do Instituto Galego de Estatística sobre os ámbitos de uso do galego podemos ver que soamente o 9% se comunican en redes sociais empregando como única lingua o galego e soamente o 17% o usan máis que o castelán. Fronte a isto, un un 50% que afirman empregar só o castelán.
Entre as persoas galegofalantes – considerando estas as que no seu día a día ou empregan o galego sempre ou empregan o galego máis que o castelán – hai entre un 30 e un 56% que emprega maioritariamente o castelán nas redes.
Se intentamos comparar a nosa situación coa do catalán e do euskera no que respecta a uso de redes sociais vemos que é bastante semellante. No caso do euskera, só o 14% o empregan máis que o castelán cun pequeno repunte nas persoas máis xoves – entre 16 e 24 anos – onde o seu uso en redes sociais alcanza un o 23%. No caso catalán, o único indicador semellante que ofrece o Instituto de Estadística de Cataluña é que o uso maioritario do catalán en mensaxería de teléfonos móbiles é do 30%.
Polo que acabamos de ver a situación do uso de galego neste ámbito dista de ser a ideal. Aínda que, como veremos máis adiante, hai iniciativas para a creación de contido na nosa lingua en diferentes redes; o feito de sermos unha lingua minoritaria a nivel global xoga na nosa contra. Por outra banda os prexuízos sobre a modernidade do galego poden influír tamén en ser un idioma menos empregado neste ámbito.
Iniciativas e comunidades
Nos últimos anos xurdiron certas iniciativas nas que se pretendía aumentar a cantidade de contidos en galego en diferentes redes sociais. Estas iniciativas deron, de forma máis ou menos espontánea, lugar a comunidades de usuarios galegofalantes en algunhas redes como YouTube e Twitter.
YouTube
No que respecta a rede social máis popular dedicada a publicación e consumo de vídeos, o proxecto máis destacado e máis transversal é o proxecto Youtubeiras.
O proxecto Youtubeiras nace da man dos equipos de normalización de 13 concellos galegos, as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña coma un certame de creación de vídeos en galego. Este certame compleméntase con actividades de visibilización dos creadores en galego e con formacións específicas. Desta forma que se acada un programa completo e continuado para a promoción do galego nesta rede.
Aínda que o formato do certame foi variando durante o tempo, na edición de 2020 pódese participar cun vídeo de opinión, un vídeo no que se expoña como se fai algo, un vídeo cunha canción propia ou versionada ou unha canle.
Dada a gran cantidade de rapaces e rapazas que consumen vídeos de YouTube e a boa estratexia de comunicación levada a cabo por este proxecto, ó longo das súas catro edicións conseguiron a creación dunha gran cantidade de contido audiovisual nesta rede social. É tanto o éxito da iniciativa que o termo youtubeiro/a está desplazando ao anglosaxón youtuber en moitos medios de comunicación.
Aínda que a maioría dos participantes abandona a creación de vídeos despois da súa participación no certame, hai moitos que si que lle deron continuación creando unha comunidade galegofalante en YouTube. Algunha das canles máis coñecidas son Nubes baixo ti, Aquel-e ou olaxonmario – con temáticas moi variadas – e Un punto o día con Luis Prego – no que se poden aprender puntos de baile tradicional – ou O son das ideas – con contidos de carácter científico.
A diferencia de YouTube, na que a maior parte de usuarios e usuarias son simples consumidoras de vídeos sen chegar a crear nunca ningún, en Twitter a comunicación entre usuarios ten un carácter máis bidireccional. Esta característica permite que os contidos que chegan a cada usuario son moito máis variados e posibilítase a forma de crear campañas ou comunidades ó redor de certas características, ideas, etc.
No caso do galego, conseguir que a rede social estivese traducida ao galego foi froito dunha campaña desenvolvida polo propios usuarios de Twitter. Ademais de forma paralela comezou a xurdir de forma espontánea un sentimento de comunidade de usuarios galegofalantes desta rede que se deu en chamar #galitwitter ou #galituiter.
Ata fai poucos anos esta etiqueta #galituiter so servía para referirse de forma informal á citada comunidade de galegofalantes, mais no 2016 empezáronse a realizar uns premios de forma anual onde se escolle ao usuario máis destacado da rede dese ano. Non se trata dun premio económico e o gañador de cada ano simplemente obtén o recoñecemento da comunidade e a obriga de acoller a edición do ano seguinte. Nas votacións do certame participan milleiros de persoas dando unha idea da boa saúde da que goza a comunidade galegofalante en Twitter.
Entre as contas máis destacadas podemos citar algunhas con contidos máis didácticos como Moléculas en galego (@moleculas_gal) que fai divulgación científica en galego ou em galego (@emgalego), o consultorio lingüístico da AGAL moi activo nesta rede.
Outras redes sociais
Noutras redes se ben hai moitos usuarios galegofalantes na actualidade non hai iniciativas de promoción de uso do galego nin un sentimento de comunidade.
Porén, na actualidade comeza a haber un movemento na rede social Instagram para conseguir que estea traducida ao galego baixo o cancelo #instaengalego. Así que é posible que nun futuro teñamos unha comunidade asentada de galegofalantes tamén nesta rede social.
En canto a TikTok aínda que hai moitos usuarios galegos nesta rede, os contidos que soen publicar son en castelán e cando empregan o galego fano reproducindo prexuízos existentes de cara a lingua.
Oportunidades
O uso das redes sociais nas actividades que desenvolvamos para a promoción do galego pode constituír unha gran oportunidade.
Como xa comentamos o noso alumnado usa as redes sociais como parte da súa forma de ocio sendo tamén frecuentes aqueles que lles gustaría tamén publicar contido de forma profesional. Por iso, por conectar directamente coa súa cultura xeracional, o uso das redes sociais no ámbito escolar pode xerar unha motivación extra no noso alumnado.
Por outra banda, tendo en conta que cada vez vai sendo máis necesario a incorporación de neofalantes a lingua; as redes sociais son un ámbito ideal para empezar a falar galego. Estes espazos constitúen unha forma de comunicación diferente e en certo xeito separada da comunicación oral tradicional. Por iso, será máis sinxelo que adopten a nosa lingua neste novo ámbito que que comecen a facelo nas súas comunicacións orais do seu día a día, onde xa teñen un hábito adquirido durante toda a súa vida. En moitos casos esta nova forma de comunicación é escrita e isto permite corrixir as posibles grallas das mensaxes antes de seren publicadas. Ademais as redes sociais son un espazo seguro onde a comunidade non terá problema en axudar e motivar aos novos falantes.
Tamén estaremos conseguindo poñer en contacto alumnos e alumnas de distintos centros nos que se estean a desenvolver prácticas similares. A correspondencia escolar constitúe unha práctica moi recomendada por diversas correntes pedagóxicas e as redes sociais non deixan de ser unha forma de comunicación entre iguais sen delimitación xeográfica.
Conclusións
As redes sociais son unha realidade cotiá para a meirande parte da poboación moza. É preciso empezar a empregalas no ámbito educativo e en particular na promoción e normalización da lingua galega.
As comunidades de galegofalantes existentes nas redes son conscientes da problemática do galego así que farán o posible por colaborar e axudar en moitas das iniciativas que se propoñan polos centros.
Son, polo tanto, unha nova ferramenta moi potente á nosa disposición. Empreguémola!