Para quen?

Para quen? Sempre me pareceu que cando se fala das bondades dun sistema económico, dunha lei aplicada por un goberno ou calquera decisión se debe ter en conta esta marabillosa pregunta.

Por exemplo, estas últimas semanas ouvimos ó noso fachendoso presidente do goberno sacar peito dicindo que España esta saíndo da crise, que a situación vai mellorar no próximo ano. Pero a pregunta que me fago eu é para quen vai mellorar a situación?

Os ricos, os grandes empresarios deste país non so non perderon diñeiro e poder adquisitivo nesta crise senón que aumentaron as súas fortunas. Tampouco supuxo unha gran crise para os corruptos do estado, fai uns días asistíamos atónitos a noticia de que Jaume Matas non iría á cadea mentras o goberno non tramitase o seu indulto.

Por outra banda vai mellorar algo para a case cuarta parte da poboación que está no paro? Vai mellorar a situación para os xoves que por mor das “politicas de axuste” do goberno perden as súas bolsas e se ven obrigados a deixar os seus estudos? Vai mellorar a situación para aqueles xoves que se ven obrigados a exiliarse (ou emigrar como prefirades) para poder ter un futuro? Vai mellorar, para os que perderon as súas casas debido a teren contratado en hipotecas impagables froito moitas veces da crenza de que as vacas fracas nunca chegarían mais tamén, duns prezos prezos desorbitados que un dereito constitucional como é a vivenda adquiriu coa brutal especulación da que o goberno, se supón, debería protexer? Vai mellorar a situación para aqueles afortunados que aínda tendo traballo este é realmente precario?

A peculiaridade da crise económica española era que en Españistan no canto de inverter en I+D+I, facíamos casas. Bueno, deixamos de facer casas (ou quizais non) pero o que se di inverter en I+D+I non é que se estea a inverter moito, de feito cada pouco tempo sae que certo investigador de gran reputación internacional ten que emigrar por que en España non pode investigar, o GSIC está o borde do colapso e as bolsas para investigación son cada vez mais escasas en numero e contía económica.

Mariano Rajoy ten a cara de dicir que agora somos máis competitivos. Somos máis competitivos non porque sexamos máis produtivos ou porque esteamos mellor preparados senón por que cobramos menos e é máis barato despedirnos.

Manifa 20F 2014
Foto da manifestación do 20 de febreiro en contra da LOMCE e os recortes na educación.

E ante este ataque que estamos a sufrir contra os nosos dereitos que fai a xente? Realmente, a maior parte da xente queda na casa berrándolle o televisor ou no bar criticando os políticos cos colegas. Personalmente un problema non desta crise senón do momento que nos tocou vivir é o pasotismo da poboación en xeral e da xuventude. E non contentos con este pasotismo; criminalízase, ridiculízase e quítaselle importancia a protesta. Desta forma os que van a manifestación son rojos (a moita honra, por certo) ou perro-flautas, o número de manifestantes soen ser catro gatos e estes actos nunca serven de nada.

Un pouco pesimista pero (polo menos para min) isto é a realidade. O bo é que a escusa de que protestar non sirve de nada está máis que demostrada que é falsa. Véñenme a cabeza o recente éxito no barrio de Gamonal en Burgos, as folgas de barrendeiros en Madrid ou en Galicia os peches na Facultade de Historia en Santiago.

Para rematar un fragmento dun panfleto que me deron na manifa do 20 de Febreiro algún membro do Colectivo Estudantil Libertario:

“[…]

Ti, que creciches con promesas dunha cómoda vida,

e te acomodas vivindo de xeonllos

… podes erguerte.

Se non o fas ti, se non o facemos nós…
Quen?”